sábado, 13 de diciembre de 2014

13-12-2005 13-12-2014

Nove anos despois seguen sen cumprir a vontade de Maruja Seoane. Se alguén coñece os motivos desta grande senrazón, sería estupendo que os contase.


A Luís e Maruja Seoane
Gustaríame dicirvos que, desde que escribín o 1 de xuño de 2001, os soños convertéronse en realidade, que a Fundación Luis Seoane, entidade cultural privada, é un centro de Arte coñecido e recoñecido mundialmente, non só polos fondos marabillosos que posúe, senón tamén por ser modelo de conservación e difusión dos mesmos, así como polas exposicións de grande calidade que realiza, desde traballos de Luís Seoane que viaxan a Museos e Centros de Arte de España, de Europa e do mundo (óleos, murais, gravados, debuxos, libros, ensaios do artista, é dicir, de todos os diferentes mundos que tocaches no universo da Arte), até as estupendas exposicións doutros artistas: Jules Pascin, baseada na túa monografía sobre este pintor e en colaboración con importantes museos que albergan a súa obra; gravados de Fran Masereel e Carlos Maside; David Hockney, como exemplo de artista integrador, abrindo o Congreso Internacional sobre a Integración das Artes - tema que tanto te apaixonaba, Luís -; pasando polas últimas tendencias da arte. Pasado, presente e futuro teñen sitio na vosa Fundación.
Gustaríame dicirvos que é unha Fundación aberta a todos os investigadores e estudosos da obra e pensamento de Luís Seoane e da arte en xeral.
Gustaríame dicirvos que a magnífica Biblioteca de Arte, conseguida na vosa travesía pola vida e con grande esforzo, é un referente para todas aquelas persoas que queiran coñecer a Historia da Arte, a través duns libros únicos en Galiza, e que están nun lugar privilexiado e nunhas condicións inmellorábeis de conservación.
Gustaríame dicirvos que o primeiro tomo do catálogo razoado dos óleos vai saír á luz e que se tiveron todas as facilidades para que así fose.

Gustaríame dicirvos que se leva a cabo o que escribías no editorial do nº 16 da revista Galicia Emigrante, Buenos Aires, decembro 1955: “…Un museo require unha orde, unha dedicación concreta a determinados aspectos da cultura e ten que ser un activo centro de ensinanza. O museo ademáis conserva, e en Galiza fai falta conservar todo aquelo que constitúa unha proba do talento creador e da sensibilidade do seu pobo.”   
Gustaríame dicirvos que se cumpren os Estatutos da Fundación e ¡como non, Maruja! que por enriba de todo, o que non se facía cando ti aínda estabas cos vivos, faise agora, cando ti xa estás co teu querido Luís: que se cumpre a túa vontade manifestada no teu testamento de que os teus cinco testamenteiros e polo tanto patróns vitalicios da Fundación acudimos con voz e voto a todas as reunións celebradas desde marzo de 2003 e nelas podemos dicir o que pensamos e o que nos gustaría conseguir coa obra e pensamento de Luís Seoane: difundilos e que cheguen a todo o mundo e que ti, Luís, esteas cos grandes da Arte porque es un deles.
Pero non, pero non, non podo dicirvos todas estas cousas, queridos Maruja e Luís, porque o día a día non é así, non sei onde estades vós, pero aquí, no mundo dos mortais fannos calar, métennos medo, non fales, non penses, non digas, non sintas, non te movas, parece ser que só uns poucos poden falar, pero non, pero non, todos podemos falar e dicir o que pensamos, ninguén é máis que ninguén, aínda que nos fagan crer o contrario, por iso me decidín a escribir de novo.
Desde que non estás, Maruja, estou a intentar que se cumpran a túa vontade e os estatutos da Fundación, escribindo e enviando documentación aos órganos pertinentes e ao Protectorado de Fundacións da Xunta de Galicia para ser convocada como testamenteira e polo tanto patroa vitalicia ás reunións de padroado da Fundación Luis Seoane, posto que a ditas reunións só acuden dous testamenteiros dos cinco testamenteiros que somos. Por qué?, preguntarédesme, é o que eu tamén me pregunto. Nestes momentos hai unha demanda ante os Tribunais contra a Fundación Luis Seoane por este motivo.
Teño o dereito e o deber - é a miña obriga - de loitar polo que me dita a miña conciencia: que se cumpra a túa vontade,  Maruja, que se cumpran os estatutos, e que a túa obra e o teu pensamento, Luís, estean ben conservados, ben expostos, que se difundan, se estuden e cheguen a todos aqueles a quen interesen. Todo, o que nos deixastes, é patrimonio de todos, non só dos que o utilizan para os seus propios fins e xustificacións. Morreremos, a túa obra e o teu pensamento permanecerán.
Como sempre por ti, Maruja, por ti Luís, que sempre estades comigo e eu convosco.

Rosa Espiñeira Pan
Testamenteira de Maruja Seoane, patroa vitalicia, conservadora-documentalista da Fundación Luis Seoane.   










No hay comentarios:

Publicar un comentario