domingo, 31 de mayo de 2015

IX AGASALLO A LUIS SEOANE(Buenos Aires 1 de xuño 1910-A Coruña 5 de abril 1979)






                        
Pablo Picasso falando con Luis Seoane en París en 1949

IX AGASALLO A LUIS SEOANE o LUNS 1 de XUÑO na BIBLIOTECA GONZÁLEZ GARCÉS

Con motivo da celebración do IX Agasallo a Luís Seoane (Buenos Aires 1 de xuño 1910- A Coruña 5 de abril 1979), en conmemoración do nacemento do artista o día 1 de xuño de 1910, na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés inaugurarase o luns 1 de xuño, ás 19,30h, a mostra PICASSO 73, selección de setenta e tres libros sobre e de Picasso, pertencentes á Biblioteca de Arte de Luis Seoane, libros comprados polo artista e pola súa muller ao longo da súa curta pero lograda travesía pola vida, libros que estiveron sempre acompañándoos na súa acolledora casa de Buenos Aires e que máis tarde a súa compañeira Maruja doa á Real Academia Galega, lembrando unha conversa do seu home.

Nesta ocasión poderase ver unha magnífica selección de 73 libros sobre e de  Picasso dun total de máis de doscentos que conforman os libros sobre dito artista dentro desta inmensa Biblioteca. Serán setenta e tres (porque en 1973 morre Pablo Picasso) dos case dous mil cincocentos libros de que consta o fondo. Abarcan desde principios do século XX, ata os últimos comprados antes da súa morte en 1979, sen esquecer a importancia dos libros con determinados parágrafos marcados por Luis Seoane no decurso da súa lectura, que sen dúbida botan luz sobre a súa figura.
O motivo desta mostra é recordar a súa magnífica biblioteca e dentro desta, os libros conseguidos sobre e de Pablo Picasso mediante a súa compra por parte de Luis e Maruja Seoane. Pintor do que Luis Seoane era un grande admirador e foi unha oportunidade perdida o non aproveitar as exposicións que se fixeron hai moi pouco tempo nesta cidade sobre Picasso para facer unha mostra deste tipo salientando así como o artista, Luis Seoane, o máis importante do que hai unha Fundación, cun importantísimo legado doado pola súa dona, María Elvira Fernández López, ao longo da súa traxectoria tivo unha disposición especial para o mundo do libro nas súas variadas facetas e ao mesmo tempo para ensinar parte da súa biblioteca.

A Biblioteca forxada por Luis Seoane é unha valiosa fonte de información na que se destaca, na maioría dos casos, tanto o valor do contido dos libros como o do seu aspecto formal. Contidos e coidadas edicións que falan do seu interese, da súa curiosidade, do seu estudo, das súas preferencias pola arte e os artistas do presente e do pasado nas súas diferentes facetas.

Moitos dos libros, que son verdadeiras xoias tanto polo seu texto como polo seu deseño editorial, engaden o valor de non ser publicados no seu momento no noso país, converténdose así en raros e únicos hoxe en día.


A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, acolle con esta mostra, por noveno ano, o Agasallo a Luís Seoane que se celebra no aniversario do seu nacemento e que como todos os anos organiza Rosa Espiñeira Pan.

Ao remate coma todos os anos, na Praza Luís Seoane, ao pé do busto do artista, plantaremos tres plantas de ruda e un allo verde, en lembranza do libro de lendas Tres hojas de ruda y un ajo verde, escrito por Luis Seoane en Buenos Aires en 1948.


A mostra estará aberta ao público desde o día 1 ás 19:30 horas ata o 19 de setembro en horario da Biblioteca






    
                       Seguindo co IX AGASALLO A LUIS SEOANE 4 de XUÑO, XOVES, ás 19:30h
SALÓN DE ACTOS DA BIBLIOTECA PÚBLICA DO ESTADO MIGUEL GONZÁLEZ GARCÉS

Intervirán:
XESÚS ALONSO MONTERO, Presidente da Real Academia Galega, falará sobre a “Biblioteca de Arte de Luis Seoane: Picasso”
PEPE BARRO, deseñador, falará sobre “Do Seoane máis deseñador”
Organiza, Rosa Espiñeira Pan





                                                    

No hay comentarios:

Publicar un comentario