domingo, 21 de junio de 2015

IX AGASALLO A LUIS SEOANE. MOITAS GRAZAS



En primeiro lugar darlle as grazas a todas as persoas que fixeron posible o IX AGASALLO A LUIS SEOANE e aos asistentes que sen eles non terían moita razón de ser, aínda que eu seguiría a facelos igual pois é algo que sinto e quero facer.
Este ano agasalleino cunha selección de libros de Picasso da súa Biblioteca de Arte que se encontra na Real Academia Galega, son 73 libros, número que se debe ao ano da morte de Pablo Picasso en 1973, seleccionados entre os máis de 250 que dita biblioteca ten sobre Picasso (a biblioteca posúe máis de dous mil cincocentos libros). O feito de facer este ano o IX Agasallo con dita selección ven do pouco ou ningún caso que certas autoridades desta cidade fan á importante biblioteca de Arte de Luis Seoane (a traxectoria desta biblioteca é longa e singular, contareina noutro momento).

Este ano celebráronse na Coruña unha serie de exposicións dedicadas a Picasso polos escasos e obligatorios cinco anos pasados nesta cidade, senón fose polo seu pai, non estaría nunca aquí, e non sei se quedáronlle ganas de volver a unha cidade, na que en propias palabras do pintor “o vento sopra e continuará soprando ata que non exista máis A Coruña”, o caso é que se fixeron as exposicións, mais Luis Seoane artista e persoa dunha magnitude extraordinaria que leva a Galicia moi dentro e loitou por ela desde sempre, non estaba. Semella que non queren recoñecer que é un artista dos grandes e como tal e por dereito propio ten que estar, para mín está, nas cotas máis altas da arte mundial, como artista e por todo o que fixo cos seus traballos nos diferentes e numerosos campos que abordou.

O motivo, polo tanto, é poñer en coñecemento dos cidadáns da Coruña que teñen a posibilidade de ver en vitrinas os libros na Biblioteca Miguel González Garcés, ata mediados do mes de setembro. A selección fíxena na biblioteca da Real Academia Galega, o meu agradecemento a Ana, bibliotecaria da Academia e a Xesús Alonso Montero pola súa alegría e ánimos para facer dito Agasallo, que se brindou desde o primeiro momento a colaborar. (teño que dicir que os Presidentes anteriores, Fernández del Riego, Barreiro e Méndez Ferrín sempre apoiaron as miñas iniciativas para facer mostras dos libros de Luis Seoane, moitas grazas a todos eles).
A montaxe na Bliblioteca onde se mostran foi un pouco sorprendente, pois onde están nas vitrinas cos libros, nas paredes hai unha mostra que non ten nada que ver coa mostra dos libros, polo que se presta á confusión. A inauguración foi o día 1 de xuño e seguidamente fumos á plantación das tres plantas de ruda e un allo verde nos pes do busto de Luis Seoane.

O día 4 de xuño foi a conferencia de Xesús Alonso Montero que como sempre estivo xenial falando dun Luis Seoane, amigo dos libros, das editoriais e sacrificando certas cousas para poder comprar os libros, sacrificio a dúas bandas, pois Maruja tamén participaba. Despois Pepe Barro, baseando a súa disertación sobre un Luis Seoane deseñador, adiantado a súa época como adiantado foi noutros moitos campos.
A celebración deste IX AGASALLO A LUIS SEOANE resultou pracenteira para todos os que estivemos e non quero deixar de nomear ao sobriño de Luis Seoane que vive en Asturias, Luis J.Eguiburu Seoane e a sobriña que vive en Bos Aires, Ana Seoane que sempre se alegran e teñen palabras agarimosas para mín
O X AGASALLO A LUIS SEOANE dedicareillo facendo unha homenaxe a Maruja Seoane

No hay comentarios:

Publicar un comentario