sábado, 28 de octubre de 2017

Porque a nosa Terra é nosa (Castelao)




                                                                Roseira que o trebón deixou espida
                                                                                    é a sagra Terra nosa.
                                                                ¡ Temos de póla ergueita, frorecida,
                                                                  cada pinga de sangue n-unha rosa!  
                                                                                        
                                                                                                RAMÓN CABANILLAS



“… Os hespañoes deben creer en Galiza, a non ser que non crean en si mesmos. Galiza quer liberdade porque non hai povo en Hespaña con máis fé no seu futuro. Nós creemos que a auga doce dos ríos pode facer doce a auga salgada do mar; que a morte, enchéndose de vidas, será vida; que a nada, enchéndose de ilusións, será todo... As nosas espranzas non caben nos lindeiros da razón. Mataremos, se é preciso a Saudade; porque a Saudade cicáis sexa unha espranza entristecida, ladroeira de aicións.
    Galiza ten hoxe unha forza vital capaz de conducila a todol-os delirios de grandeza. Pode chegar â loucura. Pero ouvídeo ben, hespañoes, endexamáis chegará ao suicidio. E Galiza deixará de loitar pol-a liberdade cando a conquira.
    Pedimos...   
                                        (fotografía feita no museo Soulages)
    Pedimos que a nosa Terra sexa nosa. Porque somos fillos d-ela. Porque ninguén máis pode gobernala. Porque ninguén máis pode cumprir s súa misión hestórica. Porque levamos o seu nome pol-o mundo adiante. Porque queremos comprir a postrimeira manda dos nosos irmáns: os que deron a vida pol-a liberdade.
   A nosa Terra é nosa. Xa se ten dito moitas veces. Mais agora decímolo nós , os desterrados. Os desterrados que vivimos en liberdade. Decímolo en nome de moitos miles de galegos que andan pol-o mundo. Decímolo, tamén, en nome de moitos miles de desterrados na propria Terra, dos que agardan por nós, dos que viven como fillos da morte, contando o tempo por noites.
   A nosa Terra é  nosa. Nada máis que nosa. Porque somos os únicos capaces de darlle luz â súa noite, pan âs súas demandas, diñidades â súa vida. Porque somos os únicos capaces de enxugar as súas bágoas de door.
   A nosa Terra é nosa. ¿De quén máis podía ser? ¿Dos que a aldraxan? ¿Dos que lle negan a fala e o pensamento? ¿Dos que a encadean? ¿Dos que a rouban? ¿Dos que asesiñan aos seus fillos máis queridos? ¿Dos que a ensumiron na iñorancia? ¿Dos que a queren vender como esclava? ¿Dos que lle negan o dereito a ser libre?
    ¿E quén somos nós para falarmos d-este xeito? Somos os galeguistas de todol-os partidos democráticos. Somos os galegos antifeixistas.”


CASTELAO, SEMPRE EN GALIZA, obra completa, 2 AKAL EDITOR AREALONGA, Madrid 1980. p.34-35



   
    

No hay comentarios:

Publicar un comentario