Ola amigos
esta páxina que empezou a andar hai moi pouco tempo na rede, mais non nos meus proxectos, pois a idea do catálogo razoado xa estaba nas conversas con Maruja Seoane na súa casa de Bos Aires, no tan remoto outono de 1987, cando tiven a fortuna de estar alá con ela.
O tempo pasa, e o que pensabamos que ía ser un camiño de rosas, foi un camiño máis ben de espiñas, mais con paciencia e sen recursos chegamos ao que será unha fiestra aberta e non contaminada para todo aquel que se queira acercar a Luis Seoane.
O proxecto do catálogo razoado de óleos, esbozos e debuxos de Luis Seoane é para facer en papel, mais esta páxina quere ser un medio para alcanzar máis información para a que será unha publicación completa da obra deste artista, tan coñecido e descoñecido ao mesmo tempo.
No VII AGASALLO A LUIS SEOANE no seu día de nacemento, o 1 de xuño, celebrámolo coa presentación na Librería Formatos da Coruña desta futura páxina, rematando cunha entrañable lembranza de Manuel Lourenzo a Luis Seoane.
Agardo que sexa do voso gusto e estou aberta a toda clase de suxestións e comentarios variados e optimistas.