sábado, 28 de octubre de 2017

Porque a nosa Terra é nosa (Castelao)




                                                                Roseira que o trebón deixou espida
                                                                                    é a sagra Terra nosa.
                                                                ¡ Temos de póla ergueita, frorecida,
                                                                  cada pinga de sangue n-unha rosa!  
                                                                                        
                                                                                                RAMÓN CABANILLAS



“… Os hespañoes deben creer en Galiza, a non ser que non crean en si mesmos. Galiza quer liberdade porque non hai povo en Hespaña con máis fé no seu futuro. Nós creemos que a auga doce dos ríos pode facer doce a auga salgada do mar; que a morte, enchéndose de vidas, será vida; que a nada, enchéndose de ilusións, será todo... As nosas espranzas non caben nos lindeiros da razón. Mataremos, se é preciso a Saudade; porque a Saudade cicáis sexa unha espranza entristecida, ladroeira de aicións.
    Galiza ten hoxe unha forza vital capaz de conducila a todol-os delirios de grandeza. Pode chegar â loucura. Pero ouvídeo ben, hespañoes, endexamáis chegará ao suicidio. E Galiza deixará de loitar pol-a liberdade cando a conquira.
    Pedimos...   
                                        (fotografía feita no museo Soulages)
    Pedimos que a nosa Terra sexa nosa. Porque somos fillos d-ela. Porque ninguén máis pode gobernala. Porque ninguén máis pode cumprir s súa misión hestórica. Porque levamos o seu nome pol-o mundo adiante. Porque queremos comprir a postrimeira manda dos nosos irmáns: os que deron a vida pol-a liberdade.
   A nosa Terra é nosa. Xa se ten dito moitas veces. Mais agora decímolo nós , os desterrados. Os desterrados que vivimos en liberdade. Decímolo en nome de moitos miles de galegos que andan pol-o mundo. Decímolo, tamén, en nome de moitos miles de desterrados na propria Terra, dos que agardan por nós, dos que viven como fillos da morte, contando o tempo por noites.
   A nosa Terra é  nosa. Nada máis que nosa. Porque somos os únicos capaces de darlle luz â súa noite, pan âs súas demandas, diñidades â súa vida. Porque somos os únicos capaces de enxugar as súas bágoas de door.
   A nosa Terra é nosa. ¿De quén máis podía ser? ¿Dos que a aldraxan? ¿Dos que lle negan a fala e o pensamento? ¿Dos que a encadean? ¿Dos que a rouban? ¿Dos que asesiñan aos seus fillos máis queridos? ¿Dos que a ensumiron na iñorancia? ¿Dos que a queren vender como esclava? ¿Dos que lle negan o dereito a ser libre?
    ¿E quén somos nós para falarmos d-este xeito? Somos os galeguistas de todol-os partidos democráticos. Somos os galegos antifeixistas.”


CASTELAO, SEMPRE EN GALIZA, obra completa, 2 AKAL EDITOR AREALONGA, Madrid 1980. p.34-35



   
    

viernes, 4 de agosto de 2017

LUIS SEOANE E VÍCTOR FREIXANES




Déixovos cun parágrafo da carta de Luis Seoane a Ramón Piñeiro dun lonxano 1 de outubro de 1976, coméntalle sobre o libro de Victor Freixanes Unha ducia de galegos, Luis Seoane é un desa ducia. Esta carta, como outras moitas, está dixitalizada polo Consello de Cultura Galega e pode lerse libremente, os orixinais supoño que aínda estarán na Fundación Luis Seoane. Sobre a correspondencia de Luis Seoane e da súa dixitalización por dito Consello podería escribirse moito, pode que algún día se faga.

“… Recibín o libro de Freixanes que che agradezo. Lástima que nesa entrevista que se refire a min casi invéntame unha vida que non é a miña. Nin meu pai foi tendeiro, senón un emigrante que traballou en moitas cousas como todolos emigrantes, rematou sendo un comerciante moi chestertoniano, algún día escribirei desto, nin eu fun a escola na Coruña porque me mandaron meus pais, senón simplemente porque vivíamos na Coruña, onde logo traballei de abogado con bastante éxito, para os dous ou tres anos en que me adiquei a elo; nin teño sillón de bimbio na miña casa da Coruña, nin a muller que pintei con un cartel no peito era a nai de un emigrante, sinón unha emigrante que escarneceron as autoridades suizas, etc. E non entendeu tampouco a miña posición en canto aos emigrantes. Eu deféndoos como pobo, no seu conxunto, non me refiro senón en poucos casos, a eles individualmente. Cando son centos de miles os que saen dun país cara outro é como si se tratara dunha invasión pacífica e van creando hestoria. E tamén cando son centos de miles algo fan sempre pola sua terra... Eu non desprecio a ninguén, esto é o que quero decir. É posible que algún día escriba desto, dos emigrantes, para “Grial” si o publicades.


    Perdóname, a Freixanes dille que me gustou moito o libro, mais si o reedita ten que recoller ben, correxir o que se refire á miña vida. Porque o curioso é que tomou notas que logo non interpretou ben...”



Nesta carta recolle Luis Seoane asuntos vixentes hoxe, manipulación/terxiversación da historia e emigración/ inmigración.

Luis Seoane sempre na vangarda e falando e escribindo claro. 

(na terceira edición de 1982 seguía sen estar revisada e corrixida, non sabemos se na do século XXI estará)